Monday 20 de May de 2024

Trenor anuncia un investimento de máis de 197.000 euros para a renovación da cuberta do CEIP de Nétoma-Razo en Carballo


― A Xunta adxudicou esta semana as obras de mellora do salón de actos do IES Alfredo Brañas cun orzamento de máis de 268.000 euros e un prazo de execución de dous meses e medio

― O delegado da Xunta asegurou que todas estas as actuacións teñen como obxectivo adaptar os centros educativos de toda a xeografía galega de acordo cos novos retos tecnolóxicos e ambientais facéndoos máis confortables, seguros e sostibles

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou CEIP de Nétoma-Razo para anunciar un investimento de máis de 197.000 euros para levar a cabo a reforma da cuberta.

O representante do Goberno autonómico puntualizou que con este tipo de actuacións o Goberno autonómico está a traballar para transformar e adaptar os centros educativos de toda a xeografía galega de acordo cos novos retos tecnolóxicos e ambientais “facéndoos máis confortables, seguros e sostibles”.

Neste senso, engadiu que, “dende a Xunta seguimos reforzando a nosa aposta pola educación pública de calidade impulsando distintas melloras nos centros educativos dos concellos con obras de maior ou menor envergadura, de mantemento e conservación ou dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios”.

Con respecto á obra prevista consistirá na substitución da cuberta existente por outra de paneis sándwich de chapa de aceiro galvanizado o que permitirá aumentar así o illamento térmico da envolvente do edificio, mellorando a impermeabilidade da cuberta e a seguridade do edificio.
Adxudicación Auditorio IES Alfredo Brañas
Trenor avanzou tamén que esta semana se adxudicaron, á empresa Osega XXV, as obras de mellora do salón de actos do instituto Alfredo Brañas de Carballo para dar resposta ás numerosas deficiencias do salón de actos.

A obra conta cun orzamento de 268.000€, o que supera en 120.000€ a valoración técnica inicial e o prazo de execución será de dous meses e medio. Segundo os estudos técnicos, realizarase unha obra de acondicionamento e mellora do salón de actos, que contempla a instalación de apliques e luminarias para unha nova iluminación LED, a modificación das instalacións de electricidade, a preinstalación de nova megafonía, o pintado e revestimento de paredes e actuacións sobre o teito, cunha rede de protección baixo forxado de bovedilla. A actuación implicará desmontar as butacas, a luminaria e o falso teito como paso previo

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
Tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta, estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino e converténdoos en instalacións máis eficientes e sustentables, así como axustadas ás necesidades da educación do século XXI, máis dixitalizadas, con espazos funcionais, amplos e flexibles, mobiliario con rodas, etc. Dotado cun orzamento de 191M€, a través deste plan prevese renovar catro de cada 10 centros educativos.

Esta actuación conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no programa operativo FEDER Galicia 2014-2020